Novas / Grupo Arquitectura Computadores.

26 de Outubro de 2012

Guillermo López, premio GRADIANT a mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC.

Guillermo López Taboada, profesor do Departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática, ven de ser galardoado co Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC. Este premio, patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT), e outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), forma parte dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A entrega de premios terá lugar durante a XVII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que se celebra hoxe 26 de outubro na Toxa, acto presidido polo presidente da Xunta.

Este premio busca fomentar a realización de teses de doutoramento como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan realizada nos últimos 4 anos unha tese doutoral da que se derivasen destacadas aplicacións no sector TIC. Así, a tese premiada, "Design of Efficient Java Communications for High Performance Computing", baixo a dirección dos profesores Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica, propuxo unha tecnoloxía que acelera o rendemento das comunicacións en aplicacións Java. Este resultado ten un gran potencial nos ámbitos TIC, militar, aeroespacial e en servizos financieros. De feito, no seo do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC estase a traballar na aplicación desta tecnoloxía a través do proxecto "HPC4HPT: High Performance Computing for High Performance Trading", financiado polo Fondo de Inversión en Ciencia da Fundación Barrié.

O xurado valorou como razóns determinantes para outorgar esta distinción a innovación do traballo, o seu potencial, a alta tecnoloxía dende Galicia para o mundo, e o esforzo na comercialización e o licenciamento, principalmente en EEUU e UK.

Enlaces do Evento na Prensa

* Faro de Vigo ("Un lalinense, premio Gradiant a la mejor tesis aplicada a nuevas tecnologías ") ("Feijoo arropa en A Toxa a un sector de las Telecomunicaciones <generador de empleo>") ("A Toxa prepara la "XVII Noite Galega das Telecomunicacións")

* La Opinión Coruña ("Los Ingenieros premian la Tesis de un profesor de la Facultad de Informática")